7foto.jpg2foto.jpg6foto.jpg5foto.jpg3foto.jpg4foto.jpg1foto.jpg

Poxa de gando bovino

A Central Agropecuaria de Galicia conta coa única poxa de gando bovino informatiza de España. Esto supón que a Poxa da Central opera cun modelo de comercialización baseado no sistema de poxa pública con xestión informática que elimina a presenza de intermediarios, o que garante a transparencia nas transaccións entre compradores e vendedores, evitando o regateo e garantindo o cobro inmediato e seguro, xestionado por la propia Central.

A Poxa de Gando Bovino foi evolucionando dende os seus inicios de forma parella ao mercado agropecuario e ás súas necesidades, ao tempo que ten ido mellorando periodicamente este sistema informático dende a súa implantación en 1993. Así, este programa está adaptado á filosofía de funcionamento do Sistema Nacional de Movemento de Gando que xestiona en Galicia a Consellería do Medio Rural, garantindo desta maneira a total trazabilidade dos animais que transcurran polo mercado.

Todo o proceso que se sigue na poxa da Central Agropecuaria de Galicia garante unha total eficacia e legalidade, como así o demostran os distintos pasos que se teñen que seguir:

  1. Chegada do animal á nave, o cal se marca cun número identificativo. O propietario recibirá un resgardo por cada res, que deberá amosar ao persoal da poxa á hora de facilitar os seus datos fiscais e documentación sanitaria dos animais.
  2. Cada comprador poxará de forma secreta polos animais que lle interesen, anotando o prezo que ofertan nunhas tiras que entregarán ao persoal da poxa. Introducidas as poxas no ordenador, o proceso informático selecciona a máis alta.
  3. No salón de subastas comunícase a viva voz o prezo máis alto seleccionado, que o propietario terá opción de aceptar ou rexeitar.
  4. Unha vez poxados todos os animais, a Central Agropecuaria de Galicia emite por conta do vendedor un recibo que corresponde á venda de cada un dos animais. O vendedor recibe unha copia xunto co talón bancario polo importe da súa venda. O orixinal entrégase ao comprador.
  5. A Central encárgase de cobrarlle ao comprador, entregándolle a relación de becerros ou vacas que adquiriu.

Este proceso supón claras vantaxes, tanto para o comprador como para o vendedor. Así, a este último garántelle total transparencia e seriedade nos prezos, maximización dos resultados da venda, seguridade de cobro inmediato, ausencia de tensión comercial, horario de métodos cómodo e a non necesidade da presenza do propietario coa seguridade dunha xestión óptima.

En canto ao comprador, as vantaxes para el son a concentración de oferta, facilidade de compra de volumes altos, economía do transporte e calidade dos animais ao ser de primeira feira. Así mesmo, o sistema da Central Agropecuaria de Galicia tamén supón beneficios globais, como son a claridade sanitaria, transparencia fiscal (emítese factura en todos os casos) e prezo orientativo real (efectivamente pagado).

Este mercado, celebrado todos os martes, acolle poxas de  becerros de recría, becerros cebados e vacas de desvelle, ocupando dous pavillóns de 8.000m² do recinto Feira Internacional. O importante número de animais poxados, procedentes de diversas comunidades autónomas, e o seu volume de transaccións económicas, convirten á Central Agropecuaria de Galicia nun importante centro de negocios para o gando bovino.

A través da Poxa a Central forma parte da Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA), sendo o único integrante que non está dirixido por un Concello. Esta agrupación aglutina aos principais mercados gandeiros de España e é membro da Asociación Europea de Mercados de Bovino (AEMB), con sede en Bruselas, na cal están integrados 356 mercados de 9 países.

>>> Consulte as cotizacións da subasta de gando bovino