4foto.jpg6foto.jpg2foto.jpg3foto.jpg1foto.jpg7foto.jpg5foto.jpg

As Mesas de Prezos de porcino da Central Agropecuaria retómanse de forma telemática

Silleda, 24 de marzo de 2020.- A Fundación Semana Verde de Galicia informa de que, ante o interese manifestado por parte do sector porcino para fixar prezo semanal, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA retoma dende hoxe, de forma telemática, as mesas de prezos de porcino cebado e bacoriños.

Para facilitar este servizo estableceuse que a persoa responsable das mesas na Central contacte telefonicamente e a través de medios informáticos cos representantes da produción e a distribución de porcino que participan de forma habitual para fixar as cotizacións.

COMUNICADO CENTRAL AGROPECUARIA DE GALICIA ABANCA

Silleda, 13 de marzo de 2020.- Ante o Estado de Alarma decretado hoxe polo Goberno de España para conter o contaxio do COVID-19, a Fundación Semana Verde de Galicia vese obrigada a cancelar as poxas de gando vacún da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA durante os vindeiros 15 días e ata novas instrucións das autoridades competentes.

 


 

Central Agropecuaria de Galicia Abanca

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca foi creada no ano 1981 baixo o nome de Lonxa Agropecuaria de Galicia co obxectivo de dar saída aos produtos gandeiros, facilitando os encontros entre oferta e demanda e adaptando os modos de compra-venda aos novos rumbos do mercado.

Hoxe, este mercado, xestionado pola Fundación Semana Verde de Galicia, alberga a única poxa de gando bovino informatizada de España. Unha exclusividade que se traduce nun modelo de comercialización baseado nun sistema de poxa pública con xestión informática que exclúe a presenza de intermediarios. Eficacia, transparencia e legalidade son as vantaxes desta Poxa, tanto para vendedores como para compradores.

Por outra banda, a Central Agropecuaria de Galicia Abanca acolle semanalmente Mesas de Prezos, sen presenza física, de porcino cebado, leitóns, ovos, galiñas de desvelle (todos os martes) e de coello (todos os venres). No seu marco produtores e industria reúnense para acordar os prezos de referencia cos que os operadores levarán a cabo as súas transaccións, sendo o seu obxectivo a xeración de prezos operativos para o mercado.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, é, pois, un instrumento para a clarificación dos mercados de produtos gandeiros nas súas dúas vertentes principais, mercados con presenza física de animais e mesas de prezos, permitindo ao produtor e gandeiro acadar tanto intercambios comerciais directos como canles de información que redunden nunha comercialización máis xusta.